Pontevedra flúe
Iván Puentes, Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra, coméntanos a estratexia que dende o concello preparan para renaturalizar e poder gozar dos ríos do municipio.
Son 20 proxectos que suporán un investimento duns 20 millóns de euros, procedentes tanto de fondos europeos como do propio concello. O eixo principal será o río Lérez, pero tamén se actuará no Gafos, o Rons e o regato de Valdecorvos. Sobre este último, traballarase para a súa recuperación ambiental, crearase un gran parque urbano no barrio de Valdecorvos e porase en marcha un proxecto piloto xunto coa Universidade da Coruña para rematar cos asolagamentos da rúa Fernando Olmedo.
O destape do Gafos entre Tablada e a igrexa de San Xosé, en Campolongo, a transformación da antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez nun miradoiro, a restauración ecolóxica da Xunqueira de Alba e a construción dun parque de auga no paseo de Rafael Areses, son as catro actuacións que estarán en marcha a curto prazo.
‘Pontevedra Flúe’ inclúe a conexión de Pontevedra coa Vía Verde do Salnés e da senda fluvial do Lérez dende Bora ata Combarro, aproveitando o proxecto que está a desenvolver o concello de Poio. Ademais, antes de 2025 terán que estar rematados o novo parque de María Vinyals en Camplongo e a recuperación ambiental dos salóns do Lérez.